Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador”








4.5.09

Evanxeo do domingo: IV de Pascoa

De sempre, ou de case sempre, cando pensamos en pastores pensamos en dirixentes, porque en principio iso é así: quen dirixe, quen garda, quen guía un fato de ovellas é o seu pastor. Intuitivamente a aplicación inmediata vai para os pastores xerárquicos da Igrexa, e en moitos lugares, desde hai anos fanse ou facíanse homenaxes aos curas párrocos, coma pastores da pequena comunidade cristiá. Os acentos do fragmento evanxélico deste domingo redirixen a nosa ollada cara a Xesús. A alegoría do pastor ten a el como referente: “Eu son o bo pastor”. E os que descoidan o rabaño porque teñen outros intereses, son “criados”, xornaleiros, e non son pastores, nin bos nin malos, non son pastores, son outra cousa.
O pastor da alegoría xoánica ten tamén, por riba, preocupación por ovellas distantes, doutros curros, e será el quen as reúna coas que xa o coñecen e el tamén coñece para lograr un só rabaño. Posiblemente, penso eu a estas alturas, cando estou cumprindo 39 anos de crego, o exercicio do ministerio na Igrexa, isto é, para os cristiáns, debería ter logrado nos que o exercemos un estilo e unhas actitudes na relación con todos centrado en coñecer as persoas, “sentarnos” con elas, buscar as distantes, crear ámbitos de comuñón e ser comunicación dese amor que vén de Deus Pai, como di Xesús: Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. E remata: Ese mandato recibin do Pai. Nada menos: o mandato de dar a vida polas ovellas. Despois de 39 anos moito me falta por aprender.
Unha aperta para todos.

aAndrés García Vilariño

No hay comentarios: