Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador”








24.11.08

A de sacerdote é unha profesión na que hai traballo asegurado


A Voz de Galicia publicou o día 23 de novembro na súa edición de Carballo a seguinte entrevista con Andrés García Vilariño


O carballés encargado de oficiar a misa televisiva dos domingos na Galega destaca que a Igrexa ten capacidade para adaptarse aos novos tempos


O cura máis televisivo de Galicia, con permiso do Padre Casares -que ameniza as noites dos luns na Galega-, é o sacerdote de orixe bergantiñá Andrés García Vilariño (Carballo, 1946), un polifacético relixioso de dilatada traxectoria. Ademais de ter presentado o programa nocturno A Sentinela e conducir na actualidade a Santa Misa da mañá dos domingos na canle autonómica, foi un dos autores da tradución da Biblia ao galego e ocúpase da preparación dos futuros mestres de relixión que se forman na Escola de Maxisterio da Coruña.
-¿Hai moitos aspirantes a impartir clases de relixión nos colexios?
-Moitos, aínda que pareza algo incrible nesta sociedade que fai bandeira do laicismo. Entre as tres clases teño arredor de 600 alumnos, aínda que non todos teñen interese por razóns de práctica relixiosa.
-Semella que hai máis que para o sacerdocio.
-Así é, pero eu quero facer un chamamento á xente nova para que se anime, porque a de sacerdote é unha profesión na que hai traballo asegurado (ri).
-¿Como ve a situación da Igrexa na actualidade?
-En lugares como Carballo, moi ben, pero noutros, non tanto. Iso é algo que depende moito do tipo de comunidade e da inserción da parroquia na sociedade. Hai sitios nos que o labor é amortecino e que teñen pouca puxanza debido, sobre todo, ao envellecemento do clero e a falta de capacidade para adaptarse aos cambios da sociedade. Ademais, a cultura mediática actual non entende o feito relixioso.
-Pero vostede forma parte tamén desa cultura mediática.
-Así é. A Santa Misa é un programa tamén, non unha parroquia. Chéganme cartas mesmo do estranxeiro (de países como Alemania, de Arxentina e de lugares impensables) de xente agradecida pola posibilidade de ver o programa e poder rezar con el, pero esa experiencia dista moito do que é compartir a práctica relixiosa na parroquia e en persoa.
-Ten a Igrexa capacidade para adaptarse aos novos tempos e ás novas tecnoloxías.
-Claro que a ten. De feito, o Vaticano acaba de instalar paneis solares para quentar o auga sobre a sala de audiencias do Papa, e os que entran na súa páxina web quedan sorprendidos pola súa capacidade para sacar partido desta ferramenta. A tecnoloxía é algo bo se se emprega para fins positivos.
-A presenza da Igrexa nos medios de comunicación aumentou nos últimos tempos polas polémicas co Goberno. ¿Como valora isto?
-Iso depende de cada caso en particular. Non é o mesmo se as instancias da Igrexa actúan tentadas polo poder, o que pode levar a equívocos, que se expresan o seu criterio moral, aínda que haxa xente que se poida considerar xulgada.

No hay comentarios: