Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador”








20.7.09

Evanxeo do domingo XVI do Tempo Ordinario


Tempo para un, tempo para os demais. Son tempos que interaccionan e se realimentan. O tempo de silencio, de ollada interior, de autocoñecemento, de estudo e de oración, é tamén un tempo de dinamismo, de alento e de aliciente. O tempo consumido, entregado, entre a compaña e a dedicación laboral, voluntaria, entre os irmáns, fai desexable o outro, o de “cargar a batería”. Son dous momentos da mesma riqueza persoal: a entrega non é posible se non tes nada que ofrecer de ti mesmo. Para iso é necesario que te posúas, que sexas dono de ti, que te enchas de riquezas e de experiencia e de silencio, de misterio, para poder dar algo. O solipsismo, ficar en ti mesmo, non compartir o que admiras, contemplas, sabes, é reducirte á esterilidade, ao brillo esplendoroso pero so aparente e inútil do erudito na súa torre de almafí.
É cuestión de sensibilidade, como mostra Xesús no evanxeo. Necesitan ir a un lugar arredado para descansar e cargar a batería… Pero hai urxencias inaprazables, tamén. Temos que aprender dos monxes a descubrir un vivir ecolóxico, nin traballar como servos sen dispoñibilidade de tempo, nin orar coma ermitaños, á marxe dos irmáns. Vivimos en igrexa, en sociedade, en común. Entre o barullo da vida e o silencio da respiración pousada.

Unha aperta
Andrés GV

No hay comentarios: