Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador”








24.8.09

Evanxeo do domingo


Non vos esquezades das que levan o nome de Rosa. Felicidades. Que conste que eu coñecín tamén un Rosalindo. Este domingo é un día de roseiras sen espiñas, senón vizosas de alegría e bondade.
Hai unha frase no texto evanxélico deste domingo que dá que pensar: “Moitos dos seus discípulos botáronse para atrás e xa non andaban con El” Semella un resumo conciso do “desenganche” actual de moitos cristiáns. Para calquera observador minimamente lúcido, a conexión eclesial e relixiosa de moitisimos bautizados en España (e en Europa) redúcese á petición de servizos para consumo relixioso: certificacións para os sacramentos de paso (vodas, sobre todo), petición deses mesmos sacramentos de paso pero asociados ao rito social que desfigura os contidos do rito relixioso (primeiras comuñóns, casamentos, exequias) e nada ou pouco máis. A desvinculación vai dando lugar a unha perda de contacto coa experiencia relixiosa, na que noutrora coincidían persoas, familias (fogares) e parroquia/colexio. Xa van sendo numerosos os “post-cristiáns”, isto é persoas que, sendo europeas e mergulladas nunha sociedade de raíces cristiás, non tiveron contacto co cristianismo como ofrecemento ou chamada á coñecer a Cristo.
Non parece que esta desvinculación se produza como consecuencia da esixencia espiritual e moral do encontro con Cristo. “¡Que dura é esta doutrina!”, din no evanxeo os discípulos que non soportan as palabras de Xesús sobre a súa presenza (“carne”) no pan eucarístico. Recomendo os libros de J. María Mardones, prematuramente falecido, onde analizaba e describía esa progresiva secularización e atonía relixiosa da sociedade europea e onde tamén proxectaba profeticamente os camiños de sinxeleza, acollida e ámbitos cálidos que as comunidades cristiás no Occidente terán –teremos- que promover e percorrer con humildade.
A min, que non son ningún entendido no asunto, paréceme que na sociedade nos sobra presenza eclesial e falta presenza de Cristo. E o pior de todo é que a presenza eclesial resulta in-significante e mesmo evanxelicamente inconveniente (por poderosa e intensa que sexa), se non comporta a presenza do Señor. . “¿A quen imos ir…?” exclamemos hoxe con Pedro.
Unha aperta

Andrés GV

No hay comentarios: