Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador”








11.1.09

Evanxeo do domingo 11 de xaneiro



Amigos que recibides estes meus enredos semanais coas diapositivas que ilustran a proclamación do Evanxeo na dominical (soamente dominical) Santa Misa da TVG: sodes máis de douscentos, sen contar as persoas a quen vós, pola vosa conta, tamén llelos facedes chegar. Hoxe incorporamos novos amigos, persoas que desde Suiza, Alemaña, México e Miami contactaron comigo porque habitualmente seguen a retransmisión da Santa Misa pola TVG. O evanxeo deste domingo coincide en parte co proclamado no segundo domingo do Advento. Alí para propoñer a figura de Xoán, como profeta e precursor; aquí, para presentar a Xesús coma o Fillo, unxido polo Espírito. Xesús non é Mesías por razón de lei dinástica (“fillo de David”), nin porque o gañase a base de victorias e esforzos para compracer a Deus, senón que é mesías (="Rei, Cristo”) ao novo xeito que ten Deus de facer as cousas, un xeito que a nós nos parece novo e sorprendente, porque a Deus sempre lle aplicamos as máximas categorías e atribucións, pero pensando que el fará uso desas cualidades ao modo humano, pero El é Deus. Se ten forza, non a usa coma nós; se é sabio, non converte o seu saber en fachenda; se é poderoso, desvía a súa potencia á debilidade de quen se doe de non ser ben correspondido. O Nadal recén celebrado puxo diante dos nosos ollos un “salvador” que necesita ser protexido, defendido, acariñado e coidado. Grazas a Cristo, o Unxido polo Espírito, podemos atisbar cal é o modo de vida que Deus nos ofrece a quen somos “unxidos” ou cristianados: somos bautizados no nome de Xesús para coidar a Deus e protexelo. Non, non se trata dunha cruzada, todo o contrario: trátase de vivir cuestionándonos sempre as verdadeiras motivacións e obxectivos do noso vivir. Coidar a Deus e protexelo non é unha tarefa imposible, pois é el quen “nos fai merecentes de estarmos na súa presencia e de servilo”. Coidar a Deus e protexelo non se reduce a predicar e dicir cousas fermosas no seu nome ou (pretendidamente) para a súa gloria, senón servilo de verdade, isto é: na persoa concreta coa que me encontro, traballo, paseo, colaboro, convivo... Os seus fillos benqueridos, ícones do Fillo Benquerido.
Para todos, a miña fraterna aperta, Andrés GV

No hay comentarios: